Saturday 27 de April de 2024

O Concello de Cerdido non comparte a postura da Xunta á hora de conceder a excepcionalide para a aprobación dos proxectos eólicos da comarca


• O Goberno galego apoia o desenvolvemento de 8 parques, dos que 6 están situados na comarca de Ferrolterra

• Benigno Galego agarda que “a Xunta sexa rigorosa á hora de emitir os informes necesarios no proceso de tramitación destes parques eólicos, que serán claves á hora da súa aprobación”

 

O Concello de Cerdido non comparte a postura da Xunta de Galicia, que pretende que se conceda a expecionalidade para aprobación de varios proxectos eólicos que se situarían na comarca.

A semana pasada o Goberno galego anunciou o seu apoio ao desenvolvemento de 8 parques eólicos, dos que 6 están situados en Ferrolterra e, en concreto, os do Badulaque e o Barqueiro afectan directamente ao Concello de Cerdido.

No marco desta situación, o rexedor cerdidense púxose en contacto o pasado venres con Pablo Fernández, Director Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, co obxectivo de coñecer os últimos avances e novidades sobre a tramitación destes parques.

Galego trasladoulle a súa preocupación polas consecuencias que a aprobación destes parques terían no día a día da veciñanza, resaltando que “tanto os parques eólicos como as liñas de evacuación dos mesmos deben estar situados polo menos a 2 Km das casas”.

O alcalde local apunta que “a aprobación destes proxectos tería unhas consecuencias moi grandes a nivel ambiental, de ecosistema e para a vida diaria dos veciños”.

Por último, agarda que “a Xunta sexa rigorosa á hora de emitir os informes necesarios no proceso de tramitación destes parques eólicos, que serán claves á hora da súa aprobación”.